Os veciños recollen 150 quilos de lixo na praia do Laño

Publicado por Plataforma Veciñal de Samieira o martes, xuño 09, 2015

Unhas trinta persoas participaron o pasado sábado na limpeza do areal con motivo do Día Mundial dos Océanos

Redacción Faro de Vigo | David Guimarey, Pontevedra 09.06.2015

Máis de trinta persoas participaron na limpeza da praia de Ou Laño. Durante a hora que durou a intervención organizada pola Plataforma Non á Depuradora de Samieira e dentro da iniciativa ecoloxista Adega, recolleron 150 quilos de lixo de todo tipo, o dobre de quilos que na xornada realizada en 2014.

Entre os elementos non naturais atopados, os veciños recolleron paquetes de tabaco, cabichas, latas, botes, envases, bolsas de plástico, botellas de vidro, redes, cordas, cubos, ademais de palés, restos de obra e sacos de grandes dimensións enterrados na area, segundo sinalan os propios veciños.

Ademais da recollida de lixo, o grupo de voluntarios realizou un análise da praia e a súa contorna. Para iso cubriron fichas de inspección nas que prestaron especial atención á prevención de impactos negativos e a perda de calidade ambiental da zona.

Ademais de concienciación, voluntariado e de educación ambiental, a actividade tivo o obxectivo de potenciar o coidado do medio natural e o valor desta contorna natural e a importancia do papel que teñen os cidadáns nos impactos negativos e a perda de calidade ambiental da zona.

Desde a organización destacan a praia do Laño como un lugar privilexiado do pobo polo que os veciños levan anos loitando contra a súa deterioración ambiental e social. Esta foi a última localización posible do proxecto de EDAR Poio-Sanxenxo, unha instalación que contou co rexeitamento de máis de 2.300 persoas e co recoñecemento de Augas de Galicia da súa inviabilidade en setembro de 2012.

A actividade desenvolveuse no marco do proxecto impulsado por Adega e que levou a cabo de forma simultánea con outras limpezas en Galicia. Concretamente, limpáronse 22 areais nas rías galegas, con participación de veciños e de diversas entidades. Como nas últimas xornadas, a limpeza na praia do Laño volveu ser a única iniciativa destas características que se realizou na ría de Pontevedra.



Fonte: Xornal Faro de Vigo. Artigo orixinal:  Os veciños recollen 150 quilos de lixo na praia do Laño